Tuesday 07 de May de 2024

A cidade deportiva de Vista Alegre acollerá mañá a apertura do Curso Federativo de Monitor de Fútbol Base


Está organizado pola Federación Galega de Fútbol en colaboración co Concello de Ordes, que por primeira vez acolle unha convocatoria de tan alto nivel dentro desta modalidade

Ás 20 horas de mañá martes a cidade deportiva de Vista Alegre acollerá a inauguración oficial do Curso Federativo de Monitor de Fútbol Base. Convocado pola Federación Galega de Fútbol en colaboración co Concello de Ordes, o prazo de inscrición permanecerá aberto ata que se completen as 35 prazas ofertadas para aqueles que teñan de 16 anos en adiante.
“Os pais e nais deben ter claro que en cursos deste tipo os seus fillos e fillas están en mans de persoas moi ben preparadas, coa titulación precisa para ofrecer formación de alta calidade tanto no apartado físico como no humano”, asegura Manuel Mosquera, director da Escola Nacional de Adestradores.
Tras o curso de porteiros que tivo lugar o ano pasado, por primeira vez o municipio ordense acolle un curso de monitores deste tipo. “Os nosos cursos impártense en distintos puntos da xeografía galega en función da xente interesada en realizalos. Había tempo que Ordes estaba no noso punto de mira xa que aquí non estiveramos e dispoñen dunhas instalacións deportivas do más axeitadas”, puntualiza Manuel Mosquera.
Entre os seus obxectivos está o de completar a formación e habilidades necesarias para acadar a titulación oficial federativa como monitor de fútbol base. Aqueles que finalicen o curso estarán acreditados tamén para adestrar equipos federados ata a categoría cadete. A asistencia permite ademais a validación do bloque de prácticas do nivel 1 do curso federativo Instrutor de Fútbol Base.
A estrutura xeral do curso inclúe áreas de ensinanza comúns, compostas por módulos transversais de carácter científico e técnico xeral, así coma outras específicas propias do fútbol base. A carga lectiva terá unha duración total de 65 horas, que se desenvolverán dende as 20 ás 23 horas os martes e os xoves, e de 9 a 14 horas os sábados.
O custo do curso será de 150 euros en total. Para formalizar a matrícula ademais do xustificante de ingreso será necesario achegar unha fotocopia do DNI, dúas fotografías tamaño carné e o impreso de inscrición debidamente cuberto. Todo iso deberá entregarse ben no departamento de Deporte do Concello de Ordes, a través do correo electrónico escuelagallega@gmail.com (neste caso as fotografías entregaranse o primeiro día de clase), ou ben ao enderezo Escola Galega de Adestradores, Federación Galega de Fútbol, rúa Menéndez Pelayo Nº 18, 2º piso, CP 15005 (A Coruña).